Monday 29 de April de 2024

O Concello de Noia abrirá do 1 ao 15 de xuño o prazo de pago da taxa para participar na Feira Medieval, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo


 

O Concello de Noia abrirá do 1 ao 15 de xuño o prazo de pago da taxa esixida para participar na Feira Medieval de Noia, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo. Tal e como recolle a Ordenanza Fiscal número 39 (BOP nº 102 do 30/05/2012) as taxas oscilan de acordo coa lonxitude do posto como coa especialidade da venda.

Así, os postos relacionados con panadería, doces e embutidos ou as tabernas deberán aboar 150 euros por metro lineal de fronte. Pola súa banda, os postos de froitos secos, lambonadas, infusións, plantas medicinais e aceites teñen unha taxa de 80 euros por metro lineal de fronte. O máis baixo, 55 euros por metro lineal, será para os postos de venda de artesanía.

Todos eles deberán enviar a un correo electrónico (susana.rey@noia.es) a documentación precisa para xerar o recibo de pago das taxas. A devandita documentación inclúe: nome, apelidos, DNI, dirección completa, código postal, dirección de mail e número de metros da parada e oficio ao que pertence. O solicitante terá ata o 15 de xuño para realizar o pago da taxa e realizar a solicitude do posto ben a través da sede electrónica do Concello de Noia, ben no Rexistro Xeral do Concello ou ben por correo postal (Concello de Noia, rúa Rosalía de Castro nº 2, 15200. Noia). Neste último caso, é preciso avisar tamén a presentación da solicitude, anexando a documentación, no correo institucional: noiamedieval@gmail.com.

Os modelos de solicitude e relación da documentación requirida están dispoñibles no taboleiro de anuncios da web municipal (https://noia.sedelectronica.gal/board). Entre outra documentación esixible inclúese copia da póliza de seguro de responsabilidade civil, a documentación acreditativa de estar dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou último recibo de autónomos.

As solicitudes presentadas despois do 15 de xuño non serán válidas e aquelas que non sexan aceptadas recibirán a devolución das taxas pagadas. A organización lembra que está prohibido o uso de envases e envoltorios de plástico e/ou aluminio e que está prohibida a venda de refrescos, zumes, cervexa, auga, combinados con alcol… en todos os postos de alimentación, salvo os postos que van a subasta pública.